A Estrada foi o terceiro concello de Galicia que máis incidencias rexistrou
A borrasca ex-Kirk deixou un regueiro de incidencias no concello provocadas polas intensas precipitacións e os refachos de vento. Segundo MeteoGalicia, no Xesteiras rexistráronse refachos de 110km/h e ventos sostidos de 80km/h. Ademais, segundo a AEMET, entre o martes e o mércores acumuláronse na Estrada 168mm.
Un dos sucesos máis relevantes foron os cortes na subministración eléctrica que se comezaron a producir de madrugada debido a que o vento doubrou torres eléctricas en Ancorados e en Arcos de Furcos (Cuntis), deixando a varios miles de persoas sen electricidade. Desde as 21.00h estáse comezando a recuperar o servizo.
Tamén se produciron problemas de conectividade que se foi solucionando ao longo da xornada, aínda que poden persistir ata que as antenas recuperen a subministración eléctrica.
Outro dos sucesos máis graves foi un accidente que se produciu na tarde do martes en Baloira, cunha balsa de auga como posible causa. Na Rúa da Cultura, nas proximidades da sala de festas Lennon na Avenida Benito Vigo e na Rúa Antón Losada Diéguez rexistráronse anegamentos.
Os ríos e regatos, en moitos casos, desbordaron ou quedaron preto de facelo debido ás chuvias dos últimos días.
O vento provocou o desprendemento de tellas e pranchas de varios edificios do casco urbano e unha árbore caeu no aparcadoiro da Praza da Feira. Na PO-841 unha árbore caía sobre a estrada entre a estación de servizo SBC e o Tanatorio San Pelayo. Moitas pistas e estradas secundarias tamén viron afectada a circulación debido ás árbores que foron caendo.
Nos centros educativos viviuse unha xornada excepcional debido a que os estudantes non podían saír ao exterior pero si que tiñan que asistir ás clases. Como o peor momento do temporal coindideu co momento de entrada, o servizo de autobús sufriu retrasos.
O Concello da Estrada tamén suspendeu as actividades extraescolares e deportivas que se celebraban este mércores pola tarde debido aos desperfectos provocados polo temporal: no Novo Municipal producíronse afecccións nos paneis publicitarios e nun dos portais, no Manuel Regueiro descolgouse a rede lateral e, nos pavillóns, apareceron novas goteiras.
O terceiro concello con máis incidencias
A Estrada foi o terceiro concello de Galicia que máis incidencias rexistrou debido ao mal tempo. O 112 rexistrou un total de 53 e só foi superada por Vigo (157) e Pontevedra (59).
Imaxe de portada: Torre eléctrica rota en Ancorados // cedida


Deixar un comentario