Piñeiro é o Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, partido que pertence á mesma coalición que a formación vasca
Juan Luque, promotor do proxecto de Olidís, pediulle ao PNV que se posicione sobre as denuncias interpostas contra Juan Carlos Piñeiro e Luis Rubal “por estafa” e “falsificación de firma e suplantación de identidade” no caso de Piñeiro e “pola súa participación en accións que causaron un grave dano tanto á miña empresa como á Fundación Olidís” no de ambos.
Esta petición débese a que Piñeiro é o Secretario Xeral de Compromiso por Galicia (CxG) e Rubal, o Secretario Territorial e de Expansión de dita formación. Á súa vez, Compromiso por Galicia forma parte da coalición electoral Coalición por una Europa Solidaria (CEUS) e do Partido Demócrata Europeo (PDE), aos que tamén pertence o PNV.
Luque asegurou que “esta implicación dentro do PDE e as actividades que CxG levou a cabo en relación con este partido merecen unha análise máis detallada, xa que poderían revelar unha colaboración máis profunda do que parece, o que podería perxudicar á imaxe do PNV”.
Debido á importancia do PNV nas coalicións citadas, “preocúpame que as accións delictivas destes individuos poidan manchar a reputación do PNV, tanto a nivel nacional como internacional”, algo que afirmou non querer.
Comentou que conta con “abundante documentación” que corrobora as acusacións e que “demostran as malas intencións do señor Piñeiro Docampo e do seu grupo”, que empregou “a estratexia ‘divide e vencerás’” para “apropiarse de proxecto alleos”.
Debido á “gravidade dos feitos e o impacto negativo que causaron sobre a miña empresa, así como noutras empresas que tamén foron afectadas por este modus operandi“, pediu unha “resposta clara e contundente” por parte do PNV sobre este asunto e que “investiguen esta situación e tomen as medidas necesarias para que comportamentos deste tipo non sexan toleradas dentro da súa organización”.
Imaxe de portada: Juan Luque nunha entrevista no Xornal da Estrada

Deixar un comentario