Trinidad López defende o traslado da farola: “É como deixar un piar no medio dun salón”

Trinidad López defende o traslado da farola: “É como deixar un piar no medio dun salón”

Trinidad López, arquitecta de Galaicontrol, defendeu este xoves o proxecto que deseñou para a Praza da Farola, inclusive o traslado do icónico farol.

O deseño, que cre que é “bo” e “acertado”, fíxose “para cumprir un prego técnico” e, asegurou, a idea está asociada á celebración de “eventos culturais, encontros veciñais ou verbenas”.

Sobre a farola mostrouse “sorprendida” pola polémica que provocou o seu traslado. Comentou que o que ten é “un valor sentimental” e non conta con “protección patrimonial”.

No seu deseño faise referencia ao cruce de camiños no que se atopa este elemento co círculo no que se gravará o nome oficial e, á farola, “buscámoslle un sitio que non lle restase importancia” e que, á vez, permaneza nun cruce. Dito cruce é o da rúa 56 con San Paio, “onde se vai xerar un novo espazo”

“Non queremos que quede arrinconada nunha esquina da praza”

Trinidad López, arquitecta

Comentou que “a praza, para celebrar eventos, non pode permitirse ter un elemento no medio que condicione” dita celebración. Puxo un exemplo – “que non pode tomarse ao pé da letra” – para explicar isto: “É como deixar un piar no medio do salón. Pódelo deixar? Si, pero vaiche condicionar cando queiras facer un encontro nunha cea de nadal, cando queiras poñer un sofá ou unha televisión. Vas ter que estar movéndote en torno ao piar cando queiras celebrar algo”.

Tendo en conta que a polémica orixínase por “un motivo sentimental e non patrimonial, pensamos que non habería ningún problema por ese traslado”.

“Entendo que agora é difícil de visualizar, porque o que se ve agora é unha rotonda e unha illeta, pero no futuro vai ser unha praza de uso, de estancia”

Trinidad López, arquitecta

Imaxe de portada: Proxecto da nova Farola // Galaicontrol

Comentarios

Deixar un comentario