Na tarde deste luns A Estrada inaugurou a súa pista de atletismo. Ao acto acudiron Gonzalo Louzao, os conselleiros Diego Pouso e José López, Luis López Lugués, Presidente da Deputación; varios concelleiros do PP e do PSOE, varios clubes estradenses e o atleta Adrián Ben.

Louzao lembrou que esta era unha demanda do xa extinto Club San Paio e que se comezou a pedir hai 10 anos. Para a súa construción investíronse 2 millóns de euros, mesma cantidade que se destinou para o novo módulo multideporte, que comezou a construírse a semana pasada. Asegurou que as probas que se celebren nela traerán visitantes e converteráse “nun motor para a nosa vila”.
Definiu á Estrada como “a capital do deporte” grazas aos 38 clubes que compiten e aos 2000 estradenses federados. Ademais, o Campus de Verán chegou a 700 usuarios, permitindo a moitas familias conciliar. Resaltou que A Estrada acolle e organiza probas de carácter nacional.
En canto ás infraestruturas, Louzao anunciou que próximamente “poñeráse a disposición do público o cuarto campo de fútbol de herba artificial: o Campo da Nogueira” e desexou que “os Reis Magos traian algo para A Estrada” satisfacendo as demandas dos clubes.

Adrián Ben, Campión de Europa dos 800 metros en pista cuberta, asegurou que “tedes moitísima sorte” porque os seus pais tiñan que facer traxectos de 100 quilómetros dúas veces á semana para levalo a adestrar nunha pista.
“Pódovos asegurar que o que temos aquí é unha das mellores pistas do mundo”

Pola súa banda, Iván Sanmartín, Presidente da Federación Galega de Atletismo, lembrou que cando tomou posesión do cargo pediulle á Xunta de Galicia que retomase a recuperación e construción de instalacións atléticas.
“Recollo o testigo que me dou o alcalde de celebrar aquí campionatos autonómicos e, quen sabe, algún mitin internacional como a que desputamos recentemente en Cervo”, afirmou.
Luis López Lugués, Presidente da Deputación, indicou que estamos “na provincia do deporte” grazas aos clubes e instalacións deportivas existentes. Mostrouse convencido de que “Adrián [Ben] vai rexistrar aquí unha marca máis que potente”. Dirixiuse ao atleta para comentarlle que “eu son de Pontevedra 100% e son coñecido como o Lugués. Eu vaticino como lugués que eres que acabaraste convertindo nun Pontevedrés”.
Por último, Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, resaltou o papel das familias cando os rapaces teñen que competir e adestrar. “O importante é que os rapaces e rapazas practiquen deporte, dá igual se mañá cambian de disciplina para o atletismo, o fundamental é que se fagan amigos do deportes e que vaian pasando os anos e sigan practicando deporte”, afirmou.

Imaxe de portada: corte da cinta inaugural // O Xornal da Estrada

Deixar un comentario