Literatura, micoloxía e teatro na fin de semana da Estrada

Literatura, micoloxía e teatro na fin de semana da Estrada

A axenda cultural da fin de semana na Estrada permitirános desfrutar dunha presentación literaria, dunha charla micolóxica, de dúas obras de teatro e dun concerto.

Presentación das Memorias dun proscrito

A Asociación Cultural Vagalumes presentará este venres ás 20.00h o libro Memorias dun proscrito, que reproduce o diario de Manuel Coto Chan, Deputado provincial e concelleiro estradense fuxido desde 1936 ata 1938, cando foi capturado polo bando Nacional. Este conta cos traballos introdutorios e de contextualización do historiador Marcos Borrageros e de Adrián Coto, bisneto do autor do diario.

O sábado celebraráse un roteiro desde a casa na que estivo fuxido no Pazo (Cuntis) ata o penedo en que se resgardou durante aquel tempo, no cumio do monte Xesteiras. Comezará ás 9.30h.

Charla micolóxica

O venres ás 20.00h celebraráse na Sala Abanca unha charla sobre a identificación de cogomelos.

Bagaxe

O venres ás 21.00h o Teatro Principal acollerá a obra Bagaxe. A función dura 55 minutos e a entrada custa cinco euros e pode recollerse no Departamento de Cultura.

Sinopse: Arturo Cobas e Natalia Outeiro “Pajarito” únense para crear un tenro espectáculo, onde cada maleta contén unha sorpresa, unha historia, unha nova aventura por descubrir. Mais, que pode saír mal cando se trata dunha combinación tan explosiva como a de dous artistas coa súa propia bagaxe emocional?

Teatro infantil

O sábado ás 12.00h representaráse no Teatro Principal a obra A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Dura 45 minutos e a entrada, que se adquire no Departamento de Cultura, custa tres euros.

Sinopse: A Toupiña saía do seu tobo e algo lle caeu na cabeza, a modo de pucho cheirento, converténdose en A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Daquela, percorrerá a granxa investigando -moi indignada- cal dos animais que alí viven lle fixera semellante agravio: a pomba, o cabalo, a lebre… Un best seller infantil convertido nunha divertida peza teatral.

Zarzuela no Principal

O Teatro Principal acollerá o concerto Viva la Zarzuela! o sábado ás 20.00h. Durante a súa hora de duración faise un repaso por clásicos da zarzuela como El barberito de Lavapiés, Los claveles ou La verbena de la paloma. A entrada pode comprarse no Departamento de Cultura por tres euros.

Comentarios

Deixar un comentario