Luis López Bueno e Alba Forno, voceiros do PSOE da Estrada e de Lalín, respectivamente, valoraron a comparecencia conxunta dos alcaldes Gonzalo Louzao e de José Crespo sobre os centros de saúde de ambos concellos.
Aseguraron que “fixeron un ridículo espantoso” e porque “non saben do que falan a nivel xurídico e tampouco se molestaron en asesorarse”. Mostráronse “preocupados” porque “falan sen saber” e, por iso, “na Tesouraría Xeral da Seguridade Social botan as mans á cabeza cada vez que os escoitan dicir algo sobre este asunto”.
Pediron centrarse na cesión, ao contrario do que fixo Louzao na Estrada, que pediu a reversión. López Bueno indicou que esta pídese “cando ti es propietario dun edificio e llo cedes a alguén” e, en ambos casos, os edificios pertencen ao Estado.
Lembraron que a modificación da Lei ampliou as posibilidades de adscrición e cesión gratuítas ás administracións: “que veñan estes dous a dicir que se impide é para que se poñan colorados e non volvan dicir nada máis sen ler. Deberían estar ben informados en vez de facer o ridículo desta maneira”.

O estradense recordou que o Ministerio dixo que, para ter a propiedade do ambulatorio, habería que mercalo, pero que “non se fala de prezo de mercado” na Lei, ademais de que “non se negou unha adscrición ou unha cesión gratuíta”. Puxeron como exemplo a Casa do Mar de Marín ou o antigo Centro de Saúde de Teis (Vigo), que son propiedade do Estado pero que os utilizan as administracións locais.
“Se vale a cesión gratuíta como mantemos nós e recoñeceu o propio Crespo, poden solicitala mañá mesmo e concédenlla sen problema no prazo máximo de 90 días”
Os socialistas mencionaron que non é necesario ser propietario do edificio para acometer melloras e abríronse a apoiar reformas lexislativas que permitan a transmisión gratuíta entre administracións.
Imaxe de portada: Antigo Centro de Saúde da Estrada // O Xornal da Estrada

Deixar un comentario