A Estrada está inmersa nun cambio dos sinais que inclúe o cambio de nome dalgunha das rúas. En total serán 13 rúas e unha praza as que sufrirán esta modificación, como están notando os seus residentes.
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, comentou que este cambio faise porque “un cambio de sinaletica non se fai todos os días”, polo que se aproveitou para facer realidade os acordos de 2002, 2006 e 2011 no que se oficializaron as modificacións na nomenclatura.
En 2002 aprobábase, a petición de Olimpio Arcas, que a 1ª travesía de América pasara a chamarse rúa Bernardo Rodríguez. No 2006 aprobáronse os seguintes cambios:
- Integración da rúa Capitán Bernal na avenida de América.
- A praza Martínez Anido denominaráse Praza do Mercado.
- A Estrada a Vinseiro pasará a ser rúa A Costa.
- A rúa 35 denominaráse Virxinia Pereira.
- A rúa 24 denominaráse rúa Catro Camiños.
- A 2ª travesía de América pasará a chamarse rúa Pozo do Barro.
- A rúa T denominaráse Camiño dos Ramos.
- A 3ª travesía de América recibirá o nome rúa Pintor Maside.
- A rúa da Piscina denominaráse rúa das Ciencias.
- A rúa dos Estudantes oficializará o seu nome.
- O tramo entre a rúa García Barros e a rúa Irmáns Valladares denominaráse ruela da Fonte.
No caso da avenida de América e da rúa A Costa faráse, amais, unha renumeración.
En 2011 nomeouse a Olimpio Arca e a Alfonso Varela Durán Fillos predilectos e acordouse que tivese rúas co seu nome. A de Varela Durán é a que se atopa entre a Avenida Benito Vigo e o cruce con Virxinia Pereira e, a de Olimpio Arca, entre o cruce con Virxinia Pereira e a rúa do Matadoiro.
Pode consultar os cambios no seguinte mapa:
Resido nalgunha desas rúas, que teño que facer?
Ese cambio aínda non é oficial. O Concello trasladoulle ao INE ditos cambios e vostede será notificado tanto polo Concello como polo INE. No momento no que o INE lle confirme que o cambio xa se fixo oficial, vostede terá que cambiar a dirección no DNI, no banco, nas facturas, etc.
Por que non se fixo antes?
O actual alcalde asegurou que os anteriores gobernos non o fixeron para non provocarlle “trastornos” aos veciños afectados.
Imaxe de portada: Sinal da nova rúa Pintor Maside // O Xornal da Estrada

Deixar un comentario