O BNG pide paralizar a peonalización da Farola e que se cambie o modelo urbanístico

O BNG pide paralizar a peonalización da Farola e que se cambie o modelo urbanístico

O BNG anunciou que no pleno do 7 de novembro vai presentar unha moción de urxencia para que se paralice a peonalización da Farola e para cambiar o modelo urbanístico.

Para o seu voceiro, Xoán Reices, “non podemos seguir tirando cos cartos en obras faraónicas para a galería, obras” cando “non aportaron nada o noso concello” e “arrasan o noso patrimonio”. Asegura que se gastaron fondos europeos en obras que non supuxeron “termos unha vila máis accesíbel, máis habitábel ou máis intelixente”.

Engadiu que a obra de peonalización da Farola “non se traducirá en máis ingresos para o concello, que non traerá máis emprego, nin impedirá o peche de comercios”.

Para el, a solución pasaría por adicar os fondos da Axenda Urbana “a abrir novas rúas, que unha vez executadas completarían unha trama viaria que contribuiría a desconxestionar o tráfico polo centro da vila e conformar un novo espazo urbano, que traería máis ingresos para o concello, evitando así terlle que subir os impostos aos veciños e veciñas”. Ademais, deberíanse aumentar as zonas de lecer por todo o casco urbano.

Por outra banda, cre necesario comezar co saneamento do rural porque “os veciños e veciñas do rural tamén pagan imposto e tamén teñen que ter servizos como na vila”.

Ademais, comentou que os demais grupos políticos xa están informados da moción.


Imaxe de portada: Praza da Farola // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario