660 estradenses votaron na xornada deste venres no referendo sobre o farol da Farola. Este dato, á falta dos votantes deste sábado, xa duplica á participación dos catro días de referendo da Praza da Feira, o último que se celebrou no Concello. Esta foi a primeira vez que votan moitos mozos e mozas do concello dado que poden votar os maiores de 16 anos.
Nesta votación estáse escollendo que farol haberá na praza cando se peonalice e onde se colocará. Poderáse votar polo que actualmente se atopa na Praza do Mercado (que é o orixinal) ou polo actual, que está a piques de facer 40 anos. Poderá colocarse nas proximidades da estatua da Rapa das Bestas, nunha ubicación similar á actual ou nas proximidades do cruce de Calvo Sotelo con Don Nicolás, onde se colocará a fonte.

Chamada á participación
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, invitou aos estradenses a “escoller esa ubicación e a escoller esa nosa farola que será ese elemento protagonista que lle dá ese nome a esa oficiosa Praza de Galicia”, destacando que “está sendo unha xornada moi participativa”.
Luis López Bueno, voceiro do PSOE, tamén destacou a alta participación, que ás 17.30h, cando votou, xa votaran máis persoas que en todo o referendo da Praza da Feira. Tamén animou aos estradenses a votar e agardou que “a participación sexa alta e o resultado contundente”.
Ricardo Castro, do BNG, mostrou o rexeitamento do seu partido ao proxecto de peonalización porque cren “que se pode peonalizar por moito menos custo” e, “aínda que non sexa o noso modelo preferido, animamos á xente a votar”.

Último día para votar
Este sábado as urnas volverán a recibir papeletas. Poderáse votar desde as 10.00 ata as 13.00h. Nese momento comezará o reconto público.
Ese reconto poderáse seguir en directo a través da canle de YouTube do Xornal da Estrada.
Imaxe de portada: Urnas do referendo // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario