Un cento de persoas participaron este martes na campaña de doazón de voz do Proxecto Nós. Entre elas atopábaronse Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, Valentín García, Secretario Xeral da Lingua, e membros de
Radio Estrada, da Asociación Recuncho da Lingua, da Asociación de Mulleres Avelina Valladares, da Asociación de Mulleres de San Miguel de Castro, da Banda Municipal da Estrada, da Escola Municipal de Artes Escénicas, da Fundación Cultura da Estrada, do Conservatorio Profesional de Música da Estrada ou da Coral Polifónica de Berres, entre outras.
Con esta campaña preténdese adestrar aos dispositivos electrónicos para que “entendan” e “falen” galego, podendo así empregar o GPS, calquera dispositivo de voz – como ALEXA ou SIRI – ou ditar a un procesador de texto en galego.
Para Valentín García “o Proxecto Nós é o proxecto máis ambicioso que se ten realizado ata o de agora de cara a que o galego poida ser empregado con total normalidade nos ámbitos dixitais”, focalizándose na “colaboración interinstitucional, transversal e no que estamos a conseguir que se implique o conxunto da sociedade galega: todo tipo de institucións, entidades sociais, empresas privadas así como galegos e galegas de todas as idades e de todos os puntos de Galicia que, altruistamente, doan a súa voz a través de www.doagalego.nos.gal para mellorar a calidade das ferramentas que este proxecto está a sacar adiante”. Destacou, ademais, que xa se conseguiron máis de 6.000 doazóns en toda Galicia.
Gonzalo Louzao asegurou que “é un orgullo” que A Estrada acollera esta xornada. Mostrouse “moi satisfeito da resposta que está a dar a nosa veciñanza, con ducias de veciños e veciñas que participaron a título individual, mais tamén con entidades culturais e sociais do municipio que se apuntaron e colaboraron de xeito altruista con esta iniciativa. Isto demostra, máis unha vez que, a de A Estrada é unha veciñanza solidaria e comprometida coa lingua galega”.
Lucía Seoane, concelleira de Cultura, Lingua e Xuventude, Emprego e apoio ao Rural tamén valorou positivamente a alta participación, que “superou todas as nosas expectativas” e afirmou que o esforzo organizativo “pagou a pena. Grazas a esta xornada contribuimos desde a Estrada a a un gran proxecto de país que nos debera unir a todas e a todos e tamén a que se teña en conta o acento e forma de falar de toda a comarca do Deza”.
Imaxe de portada: Gonzalo Louzao, Valentín García e Lucía Seoane doando a súa voz na Estrada // cedida


Deixar un comentario