A AEMET ampliou ata o luns os avisos por chuvia | Entre as 20.00 e as 23.00h deste domingo será cando máis chova.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) ampliou ata a xornada do luns os avisos amarelos por chuvia nunha hora e en 12. Deste xeito, o aviso por acumulados de 40mm en menos de 12 horas activaráse ás 16.00h deste domingo e desactivaráse ás 9.00h do luns. No caso da chuvia a cada hora, a alerta por acumulados de ata 20mm nese periodo de tempo estará vixente desde as 18.00h deste domingo ata as 3.00h do luns.
Ademais, este domingo estará activo un aviso amarelo ata as 20.00h por refachos de vento de ata 80km/h.
Ante esta situación e a proximidade a concellos con avisos laranxas, o Concello da Estrada recomendou evitar desprazamentos innecesarios durante as horas de maior intensidade do temporal, revisar canalizacións, desaugadoiros e elementos exteriores que poidan supoñer un perigo en caso de vento ou chuvia intensa, non estacionar vehículos en zonas inundables ou baixo árbores e prestar especial atención a posibles desprendementos ou obxectos que poidan caer debido ao vento.
As peores horas, en canto a precipitacións, segundo a AEMET será entre as 20.00 e as 23.00h, podendo acumularse 16mm nunha hora e 37mm nesas tres horas.
Niveis de aviso
- Verde: Sen risco meteorolóxico
- Amarelo: Non existe risco meteorolóxico para a poboación en xeral, pero si para algunha actividade concreta.
- Laranxa: Existe un risco meteorolóxico importante (fenómenos meteorolóxicos non habituais e con certo grado de perigo para as actividades habituais).
- Vermello: Risco meteorolóxico extremo (fenómenos meteorolóxicos non habituais, de intensidade excepcional e cun nivel de risco para a poboación moi alto). Non viaxe salvo que sexa estritamente necesario.


Deixar un comentario