A Estrada rexistra a primeira suba no padrón desde 2003

A Estrada rexistra a primeira suba no padrón desde 2003

Suma 58 habitantes

Na política estradense víase con medo a fronteira dos 20.000 habitantes que, no caso de baixar desa cifra implicaría perder un gran número de servizos.

Os últimos datos do INE deixaron unha boa nova: por primeira vez desde 2003 o padrón experimentou unha suba. A 1 de xaneiro de 2023 A Estrada tiña, segundo o organismo estatal, 20.139 habitantes, 58 máis que un ano antes.

Ademais, segundo o censo municipal co que conta o Concello – que mostra datos provisionais pero non definitivos -, a poboación situaríase nos 20.312 habitantes.

Desglose

Os estradenses viven, principalmente, no rural (10.485 persoas fronte ás 9.827 do casco urbano) e destacan as mulleres sobre os homes (elas son 10.526 e eles, 9.786).

A franxa de idade na que se atopan máis estradenses é o comprendido entre os 44 e os 59 anos (4.897), seguidos polos que teñen entre 59 e 74 anos (4.026). En canto aos máis novos, 1934 estradenses teñen entre 0 e 14 anos.

Por orixe, 13.936 empadroados naceron no concello. Parte dos novos empadroados proceden de concellos coma Silleda, Santiago e Cuntis ou de países coma Estados Unidos, China, Francia, Portugal e Venezuela.

En canto ás parroquias, as que máis poboación teñen son Berres (400 habitantes), Guimarei (387) e Callobre (382) e, as que menos, Sabicedo (34), Liripio (43) e Santa Mariña de Bracala (84).

Futuro

Desde o Concello sinalan a ampliación da autovía e do polígono de Toedo como elementos que atraerán máis poboación. Ademais, piden aos residentes non censados que se censen para garantir mellores servizos.


Imaxe de portada: vivendas da Estrada // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario