O subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, mantivo esta semana unha conversa co alcalde Gonzalo Louzao sobre a adscrición do antigo Centro de Saúde.
Explicoulle os pasos a seguir para lograla e que, para iso, fai falla “máis colaboración e menos confrontación”. Ademais, comentoulle que, se outros concellos van máis avanzados que o estradense, “é porque fixeron as cousas ben, falando coa Tesourería da Seguridade Social, que está a brindar todo o apoio”.
Lembrou que o ano pasado simplificouse o proceso e, agora, só teñen que presentar unha memoria xustificativa do fin que se pretende, axustado ás competencias municipais e á aprobación plenaria.
“A Seguridade Social non regala o seu patrimonio, porque é o patrimonio de tódolos/as traballadores/as e das persoas xubiladas de España, pero tampouco quere correr coa carga de manter locais baleiros”
Abel Losada
Losada explicoulle a Louzao que o centro de saúde consta de tres andares e 2.053 metros cadrados, sendo o único condicionante a existencia das oficinas dun Centro de Información da Seguridade Social (CAISS) sobre prestacións, que debe permanecer no inmoble.
Por último, solicitoulle que se retire un aparcadoiro de motocicletas que se atopa no exterior do inmoble e que non ten título algún.
Imaxe de portada: antigo Centro de Saúde // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario