Este venres presentouse o deseño das cartas aos Reis Magos deste Nadal. Un ano máis, correu a cargo da estradense Rosa de Cabanas, que continuou a tradición que comezou en 2017 de que cada ano cheguen nun medio de transporte diferente.
Este ano vano facer en tractor, vehículo que a ilustradora recoñeceu que “ata este ano non se me ocorreu”. Lembrou que este proxecto comezouse a facer “porque parecía necesario que os rapaces e rapazas estradenses tiveran acceso a un elemento coma este, que é un elemento clásico, que é moi tradicional do Nadal, pero que estivese na súa lingua e que tivera un deseño axustado aos tempos”, por iso chegouse a montar ás Súas Maxestades en patinete.
Resaltou que, con estas propostas, os Reis “adquiren unha expresividade, un dinamismo” que permite velos “fóra do contexto tradicional”. Desexou que haxa “xente agardando por este deseño e que as espectativas queden cumpridas”.
Para a concelleira de Cultura, Lingua, Xuventude, Emprego e apoio ó Rural, Lucía Seoane, este deseño “focaliza a intención do noso alcalde de darlle ese empurro ao rural”.
As cartas comezarán a repartirse este luns polos centros educativos e nalgúns establecementos do concello.
En canto á programación de Nadal, a concelleira explicou que, desde o luns, poderánse retirar os convites para os espectáculos dos Bolechas (26 de decembro, 12.00h) e Os famosos cleaners (3 de xaneiro, 12.30h).
Imaxe de portada: Rosa de Cabanas (esquerda) xunto con Lucía Seoane (dereita) e algúns dos deseños das cartas.


Deixar un comentario