A Estrada acollerá a meta da segunda etapa do Gran Camiño

A Estrada acollerá a meta da segunda etapa do Gran Camiño

A etapa contará cun “circuíto chulo” e meta en Calvo Sotelo

A segunda etapa do Gran Camiño sairá de Marín para rematar na Estrada. Terá lugar o xoves 27 de febreiro, sendo a primeira etapa da proba ciclista tras o seu inicio en terras lusas aproveitando que nesta edición contará cunha xornada máis de competición.

Ezequiel Mosquera, director da carreira, asegurou que será unha “etapa divertida” que contará cun “circuíto chulo” ao que “lle demos moitas voltas”.

O director da carreira vaticinou que “vai ser a primeira etapa na que se poñan as cartas boca arriba” e desvelou que a meta situaráse na rúa Calvo Sotelo.

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, destacou a “unión das Rías Baixas co interior” a través deste percorrido. Lembrou que a “repercusión internacional” do Gran Camiño será “un escaparate perfecto” para o concello, que é “un dos máis bonitos de Galicia”.

Tamén comentou que haberá varias pasadas polo circuíto e recordou que a sede de Emesports, empresa organizadora do evento, ten a súa sede na Estrada.

Deste xeito, A Estrada collerá o relevo do Monte Aloia (Tui) como meta da etapa na provincia nunha das probas máis destacadas do ciclismo nacional, carreira que conta coa participación dun gran número de equipos do WorldTour, a máxima categoría do ciclismo internacional.

Ademais, será a primeira vez que o pelotón internacional percorra as estradas estradenses tras a saída dunha etapa da Volta a España no ano 2014.


Imaxe de portada: Pelotón no Gran Camiño 2024 // O Gran Camiño

Comentarios

Deixar un comentario