A vivenda, a gran protagonista da semana

A vivenda, a gran protagonista da semana

🌐 Os titulares 

🏠 O Concello cede terreos ao IGVS para a construción de vivenda de protección oficial 

No pleno deste xoves cedéronse 1500m2 de terreo para a construcción de Vivenda de Protección Oficial na contorna do Mercadona. Neste terreo e nun colindante que xa pertence ao Instituto Galego de Vivenda e Solo poderíanse construir, en total, ata 60 vivendas.

🏠 PP e PSOE rexeitan a moción de Móvete

Propoñía medidas para controlar os prezos da vivenda no concello. Móvete e BNG coincidiron en que non lles sorprendeu a negativa dos populares pero si que lles sorprendeu a dos socialistas.

Máis información

🏠 Deza e Tabeirós, zonas tensionadas

Rúa Calvo Sotelo // O Xornal da Estrada

O BNG asegura que o prezo da vivenda na Estrada, Lalín e Rodeiro aumentou un 44% e eses concellos están considerados zona tensionada. O partido solicitou no Parlamento que se realice un estudo sobre como afecta o incremento, que se constrúa vivenda pública e que se ceda de balde os activos de uso residencial da Sareb. 

Segundo o portal Fotocasa, o prezo da vivenda de segunda man na Estrada aumentou un 10,2%.

🚑 O Centro de Saúde contará con servizo de hemodiálese

// Xunta de Galicia

Formaráse aos pacientes para que, algúns, poidan facela nas súas casas e, o resto, faráo no propio Centro de Saúde baixo a vixilancia de sanitarios. Esta medida tómase despois de que se recolleran máis de 6000 sinaturas pedindo o servizo.

🛣️ O PSOE pídelle ao Ministerio melloras na N-640

O PSOE solicitoulle ao Ministerio que execute melloras en todo o tramo da N-640 que cruza o concello. En concreto, López Bueno pediu unha renovación total do firme, melloras de seguridade no casco urbano, medidas de calmado de tráfico en Liñares e unha nova incorporación no Sol. Ademais, marcouse como obxectivo ter algunha destas melloras ao longo do ano.

🚧 O Concello non pode asumir a reforma da Estación

Así llo confirmou Gonzalo Louzao a Laura Piso, representante dos colectivos xuvenís englobados na Estación. O mandatario asegurou que os fondos non son ilimitados e téñense que destinar a outras materias tamén importantes.

A reforma do espazo, que conta con graves deficiencias estruturais, custaría medio millón de euros. Tamén se descartou a contratación mediante convenio dos monitores.

🍏 O BNG mantivo un encontro co sector da mazá

// BNG da Estrada

Coñeceu de primeira man as súas necesidades e as súas expectativas de cara o futuro. Ademais, desde o partido pediron solucións para o Novo Mercado.

🚲 A Estrada acollerá a meta dunha etapa do Gran Camiño 

Apunten a data: xoves 27 de febreiro. Ese día a segunda etapa do Gran Camiño rematará na Estrada. A etapa comezará en Marín e contará cun circuíto final polo que se farán varias pasadas. Será o primeiro día no que os favoritos poidan mostrar as súas cartas de cara á xeral.

Máis información

📚 Presentada a programación do Ano Cultural Avelina Valladares 

Coincidindo co bicentenario do nacemento de Avelina Valladares, escritora de Berres, 2025 será o Ano Cultural Avelina Valladares. Esta será a programación:

8 de marzo | Presentación Os Herdeiros de Vilancosta, Santiago Cortegoso

Abril | Musical de Tequexetéldere e a EMAE baseado no libro de Cortegoso

Abril | Presentación dunha unidade didáctica sobre Avelina Valladares para os centros educativos 

Maio | Distribución nas librarías de bolsas con frases da escritora

Xuño | Ruta en Berres liderada por Pilar Bernárdez

Outubro | 5 ponencias sobre a poesía, vida e as vertentes xornalística e musical de Avelina Valladares

Outubro | Exposición itinerante polos centros educativos

Novembro | Entrega Premio Avelina Valladares

Novembro | Presentación dunha recopilación da obra de Valladares

🎞️ Así será o Panic

17 de xaneiro, 20.00h | Charla con Manel Loureiro no Teatro Principal

17 de xaneiro, 22.30h | Maratón de cine de terror: Yummy, Terrifier 3, Black Friday, El exorcista del Papa

24 de xaneiro, 20.00h | Charla con Juan de Castro, director do festival Galician Freaky Film Festival de Vigo, no Teatro Principal

24 de xaneiro, 22.30h | Proxección Heretic

31 de xaneiro, 22.30h | Proxección Strange Darling

1 de febreiro, 19.00h | Charla con tres científicos sobre a morte e as experiencias próximas a ela no Teatro Principal. Intervirán: Luján Comas, anestesióloga e presidenta da Fundación Icloby; María Garrido, osteópata e piscóloga, e Enrique Monzó, enxeñeiro de telecomunicacións e integrante do grupo internacional Oregano.

💸 Lotaría do Neno

4 décimos premiados co segundo premio chegaron á Estrada.

😞 DEP

Lola dos Peares faleceu aos 68 anos de idade por mor dunha caída accidental.


Comentarios

Deixar un comentario