O pasado martes o voceiro do BNG na Estrada, Xoán Reices, pedía campañas que alertaran dos riscos do consumo de drogas entre a mocidade. Desde o Concello da Estrada quixeron detallar os diferentes programas que realizan para previr as condutas adictivas neste colectivo.
Para os primeiros cursos de secundaria teñen o Obradoiro de Habilidades Sociais “Facendo Saúde”, no que se desenvolven factores de prevención fronte ao consumo de substancias adictivas. Realizado en horario escolar, o curso pasado participaron máis de 400 alumnos.
En 3º e 4º da ESO e na Formación Profesional impártese o obradoiro “Mitos e realidade do consumo e das condutas adictivas”, no que se desmontan os mitos asociados ao consumo de substancias psicoactivas por parte dos adolescentes. Impárteno a técnica de prevención do concello e Manuel Isorna Folgar, un dos maiores especialistas en adiccións do país. No curso 2023/24 participaron 150 alumnos.
Tamén se imparten un obradoiro para a prevención do xogo patolóxico entre os máis novos – calcúlase que 1 de cada 4 menores apostou diñeiro nalgunha ocasión – e para fomentar o uso saudable das novas tecnoloxías, incluídas as redes sociais.
En canto ás familias, o programa “Máis que un teito” permite aos pais e nais dos rapaces e rapazas coñecer estratexias para detectar situacións de risco e como afrontalas. Nel participan 17 familias.
Ademais, cóntase cun programa de deshabituación tabáquica e outro de deshabituación alcohólica e estáse impartindo un curso para formar aos adestradores dos clubes para detectar factores de risco entre os adolescentes e, así, previr o xogo patolóxico.


Deixar un comentario