Un estradense foi condenado a 5 anos de prisión por intentar asasinar á súa parella queimando a vivenda na que residían ambos.
Os feitos tiveron lugar na madrugada do 23 de setembro de 2023, cando o acusado, tras consumir bebidas alcohólicas, rociou a vivenda con gasolina, especialmente un sofá próximo á habitación na que se atopaba a vítima, mentras lle dicía que “imos morrer, vouche queimar a casa” e que “imos morrer xuntos, aviseite hai moito tempo”.
A muller conseguiu escapar da vivenda, mentras o home baleirou o pouco combustible que quedaba na garrafa polas escaleiras e iniciouse un incendio nas escaleiras. Ante o risco para a vida da súa parella, a muller volveu entrar na casa para intentar sacalo dela, pero el agarrouna impedíndolle saír. Cando a vítima conseguiu soltarse, o agresor propinoulle un golpe na cara, aínda que conseguiu escapar. O lume, recolle a sentenza, extinguiuse só pola falta de combustible.
O varón foi condenado a 5 anos de prisión por un delito de homicidio en grao de tentativa e outro de incendio sen risco para a vida ou para a integridade física das persoas, con agravante de parentesco e atenuante de embriaguez. Ademais, deberá indemnizala con 3.200 euros e non se poderá achegar máis de 500 metros respecto á súa vivenda, posto de traballo e zonas que ela frecuente. Tampouco se poderá comunicar con ela nun periodo de 6 anos.

Deixar un comentario