Por onde pasará a etapa do Gran Camiño que remata na Estrada?

Por onde pasará a etapa do Gran Camiño que remata na Estrada?

O xoves 27 de febreiro a segunda etapa do Gran Camiño rematará na Estrada. Comezará en Marín e, antes de chegar ao noso concello, pasará por Pontevedra (onde se dará a saída lanzada), Campo Lameiro, Moraña, Caldas de Reis e Cuntis.

Despois, subirán polo Castroloureiro, baixarán ata a rotonda do IES Manuel García Barros e continuarán pola rúa da Cultura, avenida de Santiago, rúa de San Paio, rúa Gradín, rúa 25 de Xullo e avenida de Leicures. Desde a Porta do Sol subirán por Ulla e Calvo Sotelo – onde se situará a meta – para comezar un circuíto ao que se lle darán dúas voltas.

Desde A Farola baixarán por Pérez Viondi ata a avenida Benito Vigo e continuarán pola N-640 ata Ponteliñares. Alí, xirarán á esquerda para seguir pola EP-7017 ata Oca. Rodarán pola N-550 en Arnois e pola PO-213 ata as proximidades da Ponte de Sarandón, onde se desviarán para subir ata a Capela de San Vicenzo, onde coroarán un porto de montaña de terceira categoría. Tras isto, reincorporaránse á PO-213, pola que se dirixirán ata a meta.

Se o traducimos a parroquias, o pelotón rodará polas de Matalobos, A Estrada, Lagartóns, Callobre, Moreira, Berres, Riobó, Oca, Arnois, Ribeira, Barbude, Paradela e Aguións.

Relacionado


Imaxe de portada: Mapa co percorrido da etapa // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario