O venres 31 de xaneiro ás 20.00h o MOME acollerá un plenario comarcal de Queremos Galego para perfilar a manifestación en defensa da lingua que terá lugar o 23 de febreiro en Santiago de Compostela. Nel poderán participar todas as persoas e entidades que así o desexen.
Clara Iglesias Cortizo, coordinadora do evento, lembrou que “os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos” e que “cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua conseguiu frear a perda de falantes”.
Lamentou que a Xunta leve “15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas plataformas de TV, xustiza, ou xoguetes” e que “está a propor o uso do castelán na TVG e a eliminación do dereito á atención en galego”.
Concluíu asegurando que teñen como obxectivo comezar a mudar a situación do galego.


Deixar un comentario