O luns o propietario de Brawin Burguer aseguraba en La Voz de Galicia que trasladaba o local a Santiago porque “A Estrada está morta”. Luis López Bueno, voceiro do PSOE, dáballe veracidade a esas verbas e, este mércores, o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, respondía a ambos deixando entrever que a culpa do traslado podía tela o negocio e asegurando que todo o comercio está nunha situación complicada e que o socialista “debería baixar ao mundo real e arroupar ao comercio en lugar de tirar pedras contra o seu tellado”.
López Bueno respondeu a estas declaracións asegurando que “é normal que os problemas da Estrada lle soen a chinés a unha persoa que herdou un negocio xa montado e agora vive estupendamente poñendo cristais nos edificios públicos como o novo xulgado. A el os problemas que enfrontan o comercio e a industria da Estrada non lle afectan en absoluto”.
Calificou as declaracións coma “un bo pregón para as festas, pero non deu nin un só dato obxectivo porque non ten con que defenderse da realidade que el mesmo xerou”.
Explicou que desde 2012 pecharon 166 negocios e o PIB diminuíu un 3,3% entre 2018 e 2020.
“Estas son as realidades incontestables das que Durán non ten nin idea, por iso fai declaracións propias dun libro de autoaxuda para convencerse de que o fai xenial”.
Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada
Considera “unha broma pesada” a mención que fixo Durán do Novo Mercado porque “non lle fixo caso ningún aos praceiros e praceiras en todos estes anos, non parou ata que conseguiu deixar o edificio practicamente baleiro e agora di que é o gran defensor da praza de abastos. Incrible”.
Tamén comentou que a campaña que propuxo a ACOE – e que o Concello rexeitou – podería ter saído de balde grazas a fondos da Deputación, como pasou en Lalín coas Aldeas de Nadal.
Rexeitou responder aos ataques persoais que fixo o concelleiro: “eu non vou entrar no barro ao que está afeito o señor Durán, as súas alusións son marca da casa”.
Imaxe de portada: López Bueno nunha reportaxe do Xornal da Estrada // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario