Herminia obriga a activar un aviso laranxa polas fortes chuvias

Herminia obriga a activar un aviso laranxa polas fortes chuvias

Tamén se activarán avisos polos refachos de vento

Avecíñanse dúas ou tres xornadas complicadas no meteorolóxico como consecuencia do paso da borrasca Herminia. O máis intenso viviráse este domingo pero os seus efectos deixaránse notar ata o martes.

A AEMET activou un aviso laranxa por chuvia en 12h, chegando a acumularse 80mm nese periodo de tempo. O aviso estará activo desde as 6.00h do domingo ata o remate da xornada. Á vez que o aviso por chuvia en 12 horas, activaráse outro amarelo por precipitacións de ata 20mm nunha hora. Xa na xornada do luns, ata as 6.00h estará activo un aviso por chuvias de 60mm en 12 horas.

Tal e como informa o organismo, nalgúns puntos do occidente do interior de Pontevedra – onde se atopan A Estrada e Forcarei – en 24 horas os acumulados superarían os 100mm.

En canto ao vento, desde as 3.00h do domingo ata as 4.00h do luns permanecerá activo un aviso por refachos de vento de ata 80km/h do suroeste.

Segundo Redmeteo, o temporal contará con dous “arreóns”: o primeiro, de madrugada, o segundo, á tarde. Na xornada do luns continuarán producíndose chubascos intensos, que virán acompañados dun descenso térmico. Esta situación repetiráse o martes.

Máis complicado que Éowyn

En definitiva, o temporal provocado por Herminia vai ser máis intenso ca o provocado por Éowyn o pasado venres. Como consecuencia del, Emerxencias tivo que cortar e retirar árbores na Somoza, Rubín, Tabeirós e Cereixo e dirixirse á avenida Fernando Conde por unhas tellas caídas. Amais, estiveron xunto cos Bombeiros de Silleda e coa Policía Local na rúa Baiuca por unhas chapas e tellas soltas.

Niveis de aviso

  • Verde: Sen risco meteorolóxico
  • Amarelo: Non existe risco meteorolóxico para a poboación en xeral, pero si para algunha actividade concreta.
  • Laranxa: Existe un risco meteorolóxico importante (fenómenos meteorolóxicos non habituais e con certo grado de perigo para as actividades habituais).
  • Vermello: Risco meteorolóxico extremo (fenómenos meteorolóxicos non habituais, de intensidade excepcional e cun nivel de risco para a poboación moi alto). Non viaxe salvo que sexa estritamente necesario.

Comentarios

Deixar un comentario