Comézase a recuperar a normalidade tras o paso da borrasca Herminia

Comézase a recuperar a normalidade tras o paso da borrasca Herminia

A borrasca Herminia deixou un regueiro (ou un río) de incidencias. Ademais, tamén destacaron os acumulados de auga e os fortes refachos de vento.

Traducíndoo a datos, en Forcarei, segundo MeteoGalicia, o refacho máximo alcanzou os 115,3km/h, o domingo acumuláronse 157.7mm, aos que habería que sumarlles os 40mm deste luns.

Na Estrada, a estación da AEMET recolleu 133,4mm o domingo e, ata ás 22.00h do luns, xa se rexistraran outros 46,6mm.

Debido a iso, ata as 19.00h deste luns, Emerxencias xa retirara 38 árbores: catro foron en Arnois, dúas en Berres, Callobre, Codeseda, Guimarei, Lamas, Liripio, Olives, na PO-213 e en San Miguel de Castro e unha na Estrada, A Somoza, Cora, Couso, Curantes, Matalobos, Moreira, na N-640 na Rocha, Ouzande, Pardemarín, Parada, Ribeira, Riobó, San Andrés de Vea, Santeles e San Xiao de Vea.

Tamén se tiveron que desprazar á avenida de Ponteareas, a Oca e, en dúas ocasións, a Codeseda por cables soltos e a Ribeira, avenida de Pontevedra e Codeseda por desprendementos.

Ademais, atenderon anegamentos na EP-7001 (estrada que vai para Forcarei), Lagartóns, Ouzande, Zona Deportiva, Cereixo e Guimarei, nestes dous últimos en dúas ocasións. En Ancorados retiraron un poste caído.

De feito, segundo o 112, A Estrada foi o segundo concello da provincia con máis incidencias, só por detrás de Vigo.

Ben polo vento, ben polas tormentas, case todos os puntos do concello quedaron nalgún momento sen subministración eléctrica. No mellor dos casos foron uns segundos pero, no peor, o corte achegouse ás 24 horas de duración.

Os peores casos déronse no norte do concello cun corte que se produciu pasadas as 19.30h do domingo, afectando zonas como Vea ou Oca, Arnois e San Miguel de Castro, chegando ao propio casco urbano da Estrada. Na maioría das rúas a incidencia solventouse rápido, pero nalgunhas rúas non recuperaron o servizo ata a tarde deste luns.

As tormentas deste luns viñeron acompañadas dunha gran cantidade de pedrazo, que dificultaron a circulación. Concellos veciños coma Cuntis, Forcarei ou Moraña tamén sufriron as potentes saraibadas. Estes episodios pódense repetir este martes.

O mércores chega un novo temporal

Tras Herminia, o mércores chegará un novo temporal que, en caso de ser de gran impacto, chamaráse Ivo. Polo momento, a AEMET xa activou avisos amarelos por refachos de vento entre as 00.00 e as 12.00h. Ademais, prevénse precipitacións intensas.


Imaxe de portada: Saraibada en Liripio // cedida

Comentarios

One response to “Comézase a recuperar a normalidade tras o paso da borrasca Herminia”

  1. Avatar de Unha tormenta agravou os problemas de cobertura de Ribela e a súa contorna – O Xornal da Estrada

    […] á listaxe de incidencias solventadas por Emerxencias hai que sumarlle árbores en Santeles, Lamas e […]

    Gústame

Deixar un comentario