Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, reaccionou á suba da taxa do lixo para 2026 anunciada por Óscar Durán hai unha semana.
O socialista tachou de “mentiroso compulsivo” ao goberno local porque, aínda que desde a oposición advertiran en varias ocasións dese posible incremento – como lembramos no último Xornal Semanal -, o PP negou esa posibilidade.
Asegurou que este é “o resultado natural cando hai un goberno de incompetentes que non fixeron nada por aforrar na prestación do servizo”.
Tamén lembrou algunha das propostas que fixo durante os cinco anos que leva como voceiro dos socialistas, como foi a de acollerse ao Plan Revitaliza que dotaría ao casco urbano con composteiros comunitarios, o que evitaría “o 30%” das toneladas enviadas a SOGAMA.
Segundo os seus cálculos, con esta medida o Concello tería aforrado entre 2019 e 2024 “800.000 euros”, aos que se lles sumarían “186.000 euros” no presente ano.
Comentou que “carecemos de información sobre o que pretende facer o PP co novo contrato do lixo e de como pretende organizalo” igual que “non avanzaron nada sobre unha hipotética modificación da ordenanza da taxa”.
O socialista apostou por manter o sistema actual de taxas diferenciadas para veciños, comercios e industria, aínda que habería outros modelos máis modernos como poden ser os contedores intelixentes con tarxetas identificativas, “pero con este Grupo de goberno, na Estrada ían tardar pouco en deixar de funcionar, igual que os letreiros dos aparcamentos”, sentenciou.

Deixar un comentario