Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada, reaccionou á noticia avanzada por La Voz de Galicia na que se comentaba que a residencia privada que se quere construír no antigo Hotel Milano está á espera da urbanización da zona na que se atopa e que Gonzalo Louzao mostrou o seu apoio e que, no caso de levarse a cabo, prometeu axilizar os trámites o máximo posible.
O nacionalista asegurou que o mandatario debería centrar os seus esforzos nunha residencia pública, e non privada como a que se pretende construír, “para prestar un servizo de calidade e asequíbel as persoas maiores que o soliciten”.
Rexeitou “a teima do PP de dar todo tipo de facilidades ás empresas que fan negocio cos coidados das persoas maiores e dependentes, cando, como xestores públicos, a súa preocupación debería ser a de promover servizos públicos para todos os veciños e veciñas”.
Engadiu que o Concello “ten todo na súa man para facer unha residencia pública na Estrada, contan co goberno da Xunta e coa Deputación de Pontevedra para botar unha man no tema económico”, polo que non terían problemas á hora de construíla.
Deixar un comentario