O 7 de febreiro celébrase o Día dos Medios en Galego, coincidindo co aniversario da publicación do primeiro xornal exclusivamente en galego (O Tío Marcos d’A Portela, 1876).
Pablo García ‘Chichas’, Presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), e Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, presentaron este xoves a programación deste ano.
Será baixo o lema ‘A lingua que nos une’ “porque máis alá da nosa labor informativa, somos axentes de cohesión, xeradores de debate, de espazos de liberdade, e fiscalizadores do poder. Somos a garantía de que todas as voces sexan escoitadas, de que todas as inxustizas sexan denunciadas, de que ningún recuncho da nosa terra quede á marxe da información”, explicou Chichas.
O prato forte será o concerto de Leria e da Banda da Loba na Coruña o 7 de febreiro ás 21.30h. As entradas están á venda en entradium.com e custan 7 euros.
Pablo García lembrou que esta data non é só unha conmemoración, senón que tamén “é unha reivindicación do papel fundamental que os medios de comunicación teñen no avance da nosa sociedade, no fortalecemento da nosa democracia e como garantes de dereitos e liberdade”.
“Son eles os que nos permiten escoitar, ler e ver o mundo dende a nosa propia identidade, sen filtros alleos que distorcen a nosa realidade. Son a proba de que o galego non é só unha lingua do pasado, senón unha ferramenta de comunicación plena, válida e necesaria para o presente e para o futuro”
Pablo García ‘Chichas’, presidente da AMEGA
Por iso, vaise poñer en marcha a iniciativa “100 medidas para o galego”, coa que permitirán á cidadanía opinar cales son as medidas que vén necesarias para promover os medios en galego. Estas recolleránse a través da web medidas.gal.
Valentín García destacou que existan máis de 140 medios en galego, “unha cifra que fai anos nos parecería incrible e que nos obriga aos que temos responsabilidades públicas a seguir apoiando e a traballar na liña de que cada día sexamos máis”.
Imaxe de portada: presentación da programación // cedida


Deixar un comentario