A oposición rexeita a creación do posto de Xefe de Prensa polo seu posible uso propagandístico

A oposición rexeita a creación do posto de Xefe de Prensa polo seu posible uso propagandístico

O pleno deste xoves aprobou a creación do posto de Xefe de Prensa, cun gasto anual de 43.300 euros. Pese a defensa que fixo o goberno da proposta, a oposición rexeitouna por unanimidade, o que non impediu que fora aprobada.

Luis López Bueno, voceiro do PSOE, incidiu en que “é un posto totalmente innecesario na Estrada” posto que “só lle interesa ao alcalde que así non ten que coller 3 chamadas para atender aos medios de comunicación”.

Recalcou que será un “departamento da propaganda” do PP e que o goberno de Louzao xa é “moito máis caro que o anterior, vai custar máis de 310.000 euros ao ano en nóminas”.

“O/a xefe de prensa cobrará 43.300 euros, O DOBRE dos 22.200 que cobraba a empresa anterior, e que ademais daba máis servizos”

PSOE

Segundo os seus cálculos, cos cartos do Xefe de Prensa poderíanse financiar 1700 horas do SAF, as actividades para os maiores ou a instalación de 167 contedores do lixo no rural cada ano.

Desde o BNG, Xoán Reices, asegurou que é “unha decisión que non se pode entender”. Comentou que, desde ese posto, “vaise facer propaganda” do PP “sen ofrecer información de interese aos veciños e veciñas máis aló do que lle saia rendible”.

“Parécenos que é absurdo e innecesario crear un posto de traballo para realizar unhas funcións que perfectamente poden levar a cabo os membros do goberno, (para iso cobran), sen resultar nun gasto para as arcas municipais. Como sempre, lei do mínimo esforzo”.

Xoán Reices, voceiro do BNG

Critica que, aínda que “unha e outra vez se nos di que non hai fondos para mellorar o servizo e o número de prazas do SAF, para a creación de centros de día ou residencias públicas”, vanse destinar “50.000 euros ao ano nun posto innecesario”.

Engadiu que non houbo xustificación sobre o soldo, invitando aos veciños a sacar as súas propias conclusións.

Lamentou que “se aproben uns orzamentos hai escasas semanas e que non se teña en conta esta nova praza nos mesmos, cando é evidente que xa sabían que a ían crear” e que tiveran “24 horas” para analizar a proposta.

Desde Móvete tamén repetiron os mesmos argumentos para criticar a medida: suporá “un despilfarro”, será un “posto de confianza para levar a cabo a propaganda do goberno local do PP” e este cargo non vai mellorar a vida dos estradenses.

Comentarios

Deixar un comentario