Coincidindo co Día Europeo do 112, os traballadores do 112 galego, con sede na Estrada, levaron a cabo unha manifestacion para pedir a xestió pública do servizo.
No acto, que tivo lugar entre as 14.30 e as 15.00h, denunciaron que no caso galego o 112 está xestionado por unha empresa que non é galega e que tampouco ten experiencia neste sector.
“A Xunta saca a concurso o servizo por máis de sete millóns de euros, e a empresa quédase cunha porcentaxe de beneficio xa fixada nas plicas. Ademais, ao tratarse dun concurso público hai que pagar o correspondente IVE, mentres que se o servizo estivera internalizado non habería que abonar esa cantidade a maiores”, comentaron.
Engadiron que a empresa traballa “buscando o lucro” e que é unha “mera intermediaria” entre Xunta e traballadores, podendo despedilos en calquera momento.
No caso de que iso pasara, aseguran, o servizo veríase “gravemente perxudicado” porque é necesaria unha formación específica e experiencia, “formación que se leva a cabo dende a propia Xunta e experiencia que necesita de anos de traballo atendendo as emerxencias dende o teléfono”.
Imaxe de portada: Manifestación // CIG


Deixar un comentario