Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, comentou que a Xunta de Galicia “volveu a incumprir” os obxectivos que se marcaron, nesta ocasión coa ampliación do Polígono de Toedo. Lembrou que, segundo o goberno autonómico, este ano habería empresas asentándose na ampliación e, actualmente, “nin sequera se talaron as árbores das parcelas afectadas”.
Criticou que “a industria non sexa unha prioridade” para o goberno municipal e que o autonómico “leva máis de 15 anos incumprindo sistematicamente coa Estrada”.
Para el a ampliación do polígono é “fundamental” porque “hai moitos anos que o terreo dispoñible non permite que medre a nosa industria nin que veñan inversións para crear novos postos de traballo”, ademais de que o servizo eléctrico sexa suficiente para que as empresas leven a cabo a súa actividade con normalidade.
“O silencio de Gonzalo Louzao sobre este asunto demostra que ten tempo para ocorrencias e verbenas varias, pero non o ten para o verdadeiramente importante”
Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada
O socialista lamentou a falta de facilidades que teñen as industrias para instalarse e que entre 2012 e 2024 A Estrada perdera 204 empresas, das cales 18 eran de actividade industrial. Amais, engadiu, o concello foi dos poucos de Galicia que perdeu traballadores (-1,4%), situación que contrasta con outros da contorna que gañaron un 20%.


Deixar un comentario