O pelotón internacional percorrerá durante dúas horas A Estrada

O pelotón internacional percorrerá durante dúas horas A Estrada

O xoves 27 A Estrada acollerá a meta da segunda etapa do Gran Camiño. A etapa terá 133 quilómetros de carreira lanzada máis 11 de neutralizada, dos cales 75 serán en territorio estradense.

A organización xa fixo públicos os horarios da etapa: a saída neutralizada daráse ás 13.30h e, a lanzada, ás 13.45. Pouco despois comezará o ascenso a San Antoniño (porto de 3ª categoría), sendo coroado entre as 14.11 e as 14.14. En Moraña situaráse o primeiro sprint bonificable, polo que se pasaría entre as 14.20 e as 14.23h.

O pelotón entrará no concello desde Cuntis entre as 15.08 e as 15.16h. Baixarán ata a rotonda do IES Manuel García Barros, continuarán pola rúa da Cultura e pola avenida de Santiago ata chegar á rotonda de Figueiroa. Subirán por San Paio ata o cruce con Gradín, rúa pola que continuarán. Dirixiránse ata a avenida de Leicures para subir á Porta do Sol e continuar polo tramo peonil de Ulla e Calvo Sotelo, onde se situará o arco de meta, cuxo paso está previsto entre as 15.13 e as 15.22h.

Con ese paso por meta comezarán un circuíto ao que se lle darán dúas voltas: xiraráse na Farola, baixaráse por Pérez Viondi e continuaráse pola N-640 ata Ponteliñares, onde collerán a EP-7017, onde se colocarán as zonas de avituallamento e de tirada de lixo que será recollido pola organización. Rodarán pola N-550 e pola PO-213, onde se situará o inicio do Porto de San Vicenzo, de 3ª categoría, (comezaráse a subir entre as 15.44 e as 15.57 e entre as 16.35 e as 16.53h). O porto coroaráse entre as 15.48 e as 16.01 e entre as 16.39 e as 16.58h e continuaráse polas parroquias de Moreira e Paradela, para regresar á PO-213 e subir pola avenida de Leicures, Porta do Sol, Ulla e Calvo Sotelo ata a meta. O segundo paso por meta, no que se colocará o sprint bonificable, produciráse entre as 16.04 e as 16.18h e o final será entre as 16.55 e as 17.15h.

Os horarios son previsións, polo que poden variar en función de como avance a carreira.


Imaxe de portada: Mapa da segunda etapa // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario