A chegada á Estrada do Gran Camiño condicionará a circulación e o estacionamento en gran parte do casco urbano

A chegada á Estrada do Gran Camiño condicionará a circulación e o estacionamento en gran parte do casco urbano

As restriccións comezarán o mércores

Organizar a chegada dunha proba ciclista non é fácil, e máis se se fai nun circuíto que percorre gran parte do centro. A Estrada vai ser coñecedora da complexidade loxística que implica O Gran Camiño, pois a segunda etapa rematará o xoves 27 en Calvo Sotelo.

Acoller a meta (ou a saída) non só implica colocar un arco de meta, senón que tamén se instala o podio, controis antidopaxe, salas de prensa, aparcadoiros para os autobuses dos equipos (neste caso 19)… polo que é comprensible que se necesite un gran espazo.

Distribución do que se instala na localidade de chegada // O Gran Camiño

Por iso, desde o mércores comezarán a producirse restriccións á circulación e ao aparcamento, que detallamos a seguir:

Desde as 14.30h do mércores quedará prohibido parar e estacionar na rúa 56 (entre a rotonda do Donuts e A Farola), na rúa Pérez Viondi (entre A Farola e a avenida Benito Vigo) e no aparcadoiro de Capitán Bernal (ptoximidades do Novo Mercado).

Desde as 20.00h do mesmo día prohibiráse a circulación polas rúas 56, Pérez Viondi, Peregrina e Don Nicolás, ademais da Farola. En canto aos que aparquen nos garaxes de Calvo Sotelo que se atopan á altura da Sala Abanca, deberán saír dirección Justo Martínez.

A partir das 8.00h do xoves a restricción de paradas e estacionamentos amplíase a Antón Losada Diéguez (entre as rúas 56 e Pintor Maside – antiga 3ª Travesía de América), Leicures e á zona de carga e descarga da Praza do Mercado.

As restriccións á circulación en Antón Losada comezarán ás 13.30h e, desde as 14.30h arrancarán as relacionadas co paso do pelotón. Veránse afectadas a rúa que baixa desde a N-640 ata a rotonda do IES Manuel García Barros, parte da rúa da Cultura, o tramo da avenida de Santiago desde o Invictus ata Figueiroa, San Paio, Gradín, 25 de Xullo, Leicures, Porta do Sol, Calvo Sotelo, Pérez Viondi e a avenida Benito Vigo, ademais de todas as rúas que conflúan nas citadas. Desde o cruce da N-640 que baixa en dirección ao IES Manuel García Barros ata Gradín reabriráse á circulación a partir das 15.30h. O resto de rúas afectadas polo paso dos ciclistas reabriránse ás 17.30h.

No caso das parroquias de Matalobos, Lagartóns, Callobre, Moreira, Berres, Riobó, Oca, Arnois, Ribeira, Barbude, Paradela e Aguións, será a Garda Civil a encargada de pechar as vías ao tráfico, producíndose os cortes nos horarios previstos pola organización. A circulación estará permitida tras pasar a caravana ao completo polo punto concreto.


Imaxe de portada: Rúas que se pecharán ao tráfico

Comentarios

One response to “A chegada á Estrada do Gran Camiño condicionará a circulación e o estacionamento en gran parte do casco urbano”

  1. Avatar de Os centros educativos manterán os seus horarios habituais este xoves – O Xornal da Estrada

    […] xoves a segunda etapa do Gran Camiño chegará á Estrada, provocando cortes de tráfico a partir das 14.30h en gran parte do casco […]

    Gústame

Deixar un comentario