Este xoves a segunda etapa do Gran Camiño remata na Estrada, polo que che contamos todo o que debes saber dela.
Percorrido
O pelotón sairá de Marín dirección Pontevedra. Tras pasar pola cidade do Lérez daráse a saída lanzada e, aos tres quilómetros, comezará o ascenso ao porto de San Antoniño, de terceira categoría. Desde alí baixarán a Moraña, onde se atopará o primeiro dos sprints bonificables, e continuarán por Caldas de Reis e Cuntis. Subirán á Estrada, onde farán o primeiro paso por meta, e comezarán un circuíto ao que se lle darán dúas voltas e que contará co ascenso a San Vicenzo, un porto de terceira categoría con gran dificultade, e dúas subidas posteriores que non puntuarán pero que agregarán dificultade. No segundo paso por meta terá lugar o segundo sprint bonificable.
Horarios
O control de firmas comezará ás 12.20h, dándose a saída neutralizada ás 13.30h e a lanzada ás 13.45h. Ás 14.12h coroaráse San Antoniño e dez minutos despois sprintaráse en Moraña.
O paso por Cuntis faráse preto das 15.00h, chegando á Estrada un cuarto de hora despois. O primeiro paso por Calvo Sotelo, onde se atopará a meta, será ás 15.17h. Ás 15.54h coroaráse por primeira vez San Vicenzo e ás 16.11h volveráse a pasar por meta. O segundo paso por San Vicenzo será en torno ás 16.48h e a chegada será sobre as 17.05h.
Os líderes
Hai catro maillots especiais: o amarelo, que o viste o líder da carreira; o verde, que é o da regularidade; o azul, do líder da montaña, e o branco, do mellor mozo.
O amarelo vestiráo este xoves Magnus Cort Nielsen, tras gañar este mércores en Matosinhos. Cort Nielsen tamén é o líder da regularidade – é dicir, quen máis puntos conseguiu entre os sprints e a meta – polo que o maillot verde vestiráo o segundo clasificado, Santiago Mesa.
No caso da montaña o líder é Ander Okamika e, no dos mozos, Filippo Turconi.
Restriccións
A circulación veráse afectada ao longo do día para poder acoller a caravana da volta e polo paso do pelotón. As primeiras restriccións comezaron este mércores, aínda que a maioría delas produciránse durante a xornada do xoves.
Imaxe de portada: Escapada da primeira etapa do Gran Camiño // Kike Abelleira


Deixar un comentario