Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, lamentou que o goberno municipal non aspire aos 15 millóns de euros en fondos europeos, quedándose en 10 millóns porque “carecen da ambición, da capacidade e do compromiso necesario”. Considera que os fondos son unha oportunidade para “modernizar” A Estrada pero que os populares prefiren “poñer o foco na súa imaxe”.
Segundo el, este é o motivo polo que non se incluíron proxectos propostos polos socialistas como poden ser a reforma do antigo Centro de Saúde e a instalación de fibra no rural.
Engade que os proxectos presentados “non van ter un impacto real nin para o presente nin para o futuro de A Estrada”, pois o novo edificio dos Servizos Sociais “inclúe só tres despachos e só reubica o Centro de Atención Temperá, cando a parcela ten capacidade para moito máis”, como podería ser a construcción de vivenda de protección oficial tras mercar unha parcela anexa.
Sobre a rehabilitación da Casa da Música considera que é unha obra “necesaria” e culpa ao PP de non realizar labores de mantemento nel, ao igual que na Praia Fluvial, que sería unha mostra “do fracaso dunha xestión que só busca o impacto visual a curto prazo”.
Ás críticas sumou a contratación dun xefe de prensa por 43.000 euros anuais, cifra que “podería destinarse a mellorar servizos públicos ou a garantir o mantemento das infraestruturas”, e a “falta de transparencia”, pois o goberno municipal “toma decisións sen consultar nin coa cidadanía nin coa oposición”. Amais, as arcas municipais están “en récord de recadación”.

Deixar un comentario