A RAG define rebumbio como o “ruído ou confusión que forma un grupo de animais ou de persoas” e iso é o que foron facendo “Os Rebumbio”, a que ata hoxe era unha misteriosa conta en Instagram que pegaba carteis polas rúas da Estrada dicindo que Lucas o enganara.
Na mañá deste mércores desvelouse en rolda de prensa que serán uns premios á Comunicación Dixital Local promovidos pola axencia estradense Actual Comunicación. O fallo e a entrega de premios será o sábado 29 de marzo ás 13.30h no MOME. En total haberá cinco categorías con tres candidatos en cada unha, que serán anunciados nas vindeiras xornadas a través das redes sociais dos galardóns.
A primeira das categorías será o Mellor uso do galego nas redes sociais, no que se valorará o correcto uso da lingua neste medio. Outra das categorías valorará o uso do humor por parte das persoas, colectivos e empresas coa finalidade de entreter, conectar e provocar sorrisos.
Tamén se premiará á mellor iniciativa local en redes sociais, empregando como criterio o funcionamento ou resultado que acadase nas redes sociais en canto a visibilidade ou o alcance.
Imaxe de portada: presentación dos Premios Rebumbio // cedida


Deixar un comentario