O Concello vai destinar 140.000 euros do Plan +Provincia á mellora de sete zonas axardinadas. Nestas labores inclúese a instalación dun photocall nun montículo de céspede da Alameda que linda coa avenida Benito Vigo. Contará con letras dun metro de altura e que se iluminarán con LED RGB e que comporán o nome da Estrada.
Na zona da Baiuca, entre o heliporto, o parque canino e a N-640, vaise acondicionar o terreo e crearáse un xardín con árbores e plantas ornamentais. En Toedo, nun illote ao pé da PO-841, plantaránse diferentes especies previo acondicionamento do terreo.
Na rotonda da Avenida de Santiago e da rúa da Cultura vaise plantar un cento de plantas arbustivas (lavanda, salvia e similares) e instalaráse o rego automático, mentres que na mediana da rúa da Cultura plantaránse diferentes plantas entre as estatuas.
Na Feira substituiránse as plantas dos parterres e salpicaránse con cáscara de piñeiro para evitar que medren malas herbas. Por último, no Parque de Figueiroa eliminaránse as ramas baixas, coa posibilidade de talar árbores en mal estado, e eliminaránse os arbustos e a Callystemun do acceso para substituílos por especies arbustibas.
O alcalde Gonzalo Louzao asegurou que as labores terán un prazo de dous meses e que estas intervencións incidirán na imaxe que A Estrada proxecta aos visitantes. Óscar Durán, edil de Parques e Xardíns, confirmou que se levarán a cabo máis medidas á marxe deste proxecto que, amais de afectar a algunhas das zonas que serán beneficiadas co +Provincia, chegarán a outras áreas do casco urbano con zonas verdes.
Imaxe de portada: Alameda da Estrada // O Xornal da Estrada / arquivo


Deixar un comentario