O Concello fixo públicos os acordos aos que chegaron cos hostaleiros na reunión sobre as Santas Tapas celebrada este mércores, entre as que destaca a creación da Santa Tapa Xove.
Esta medida permitirá que todas as persoas de entre 18 e 25 anos paguen a metade do prezo da tapa, asumindo o Concello a outra metade. Deste xeito, en lugar de pagar 3 euros, pagarán 1,50 euros. Iso si, será necesario rexistrarse previamente na ACOE para recibir unha cartilla que acredite que se pertence a ese rango de idade e só será válida para a primeira consumición de cada tapa, tendo que aboar o importe total das veces que repita.
Outra das novidades será a posibilidade de que os establecementos elixan se realizan unha tapa de cociña tradicional ou de fusión. Tamén se crearán catro rutas de tapas, cada unha co nome dun río da Estrada.
En canto ao calendario, a vindeira semana os establecementos poderán adherirse á campaña e terán que presentar o nome, características e alérxenos das tapas e na última semana de marzo realizaránse as fotografías das tapas para confeccionar a cartelaría e os folletos.
Entre o mércores 16 de abril e o domingo 20 os establecementos servirán as tapas. O horario mínimo para servir as tapas será de 12.30 a 15.00 e de 20.00 a 22.00h, aínda que cada hostaleiro poderá ampliar estes horarios.
Ademais, entre os que completen as catro rutas sortearánse 1.000 euros. Degustar algunha das tapas tamén pode ter premio e a organización atópase barallando as diferentes posibilidades. En canto aos establecementos, serán galardoados os que teñan a mellor tapa tradicional, a mellor tapa da categoría de innovación e a mellor tapa presentada.


Deixar un comentario