Era 12 de marzo de 2020 e é un día difícil de esquecer. Se me preguntan onde estaba ese día direilles que en clase e direilles que ese día na última hora do horario lectivo non tivemos clase, pois a nosa mestra de Lingua Galega comunicounos que Alberto Núñez Feijóo, nalquel momento Presidente da Xunta de Galicia, acababa de anunciar que se suspendían as clases durante 14 días. 14 días…
A alegría de non ter que asistir a clase mesturouse coa incerteza de non saber que ía pasar. Sabía que a COVID-19 tivera o seu primeiro foco en Wuhan, China, que en Italia estaban nunha situación crítica e que xa chegaran os primeiros casos a España, pero non sabía como ía ser a miña vida a partir dese momento. Nin eu nin ninguén; nin a miña vida nin a dos demais.
Lembro aquel último paseo antes de que Pedro Sánchez anunciase que se decretaba o estado de alarma durante 15 días. Ese foi o último paseo en varios meses.
Despois, comezaron a chegarnos correos dos mestres dicíndonos que traballos tiñamos que facer e como enviarllos, comezamos a empregar algo ao que lle chamaban aula virtual e tivemos que aprender a empregar ferramentas que descoñecíamos por completo para facer clases por videochamada.
Mentras moitos países pechábanse ao exterior e confinaban á súa poboación, noutros países os presidentes defendían que non era necesario facer nada, aínda que se remataran contaxiando.
Á vez, os españois aprendiamos a lavar as mans, acostumábamonos a empregar as máscaras e saiamos con puntualidade británica ás 20.00h a aplaudir ao ritmo do Resistiré. Moitos rematamos cansos desa canción, todo hai que dicilo. Algo bo que sacamos dese momento foi que coñecimos a veciños que nalgúns casos nin chegaramos a ver.
Comezamos a valorar aos nosos sanitarios, que atendían aos contaxiados con equipos precarios. Foi ese o momento no que gran parte do país se decatou de que temos uns grandes profesionais e de que os necesitamos.
Pouco a pouco comezamos a poder saír da casa, a volver a atoparnos… pero mantendo unha distancia de metro e medio. Inventamos saúdos empregando o cóbado ou o pé e cando puidemos volver a dalos, comezamos a valorar cada aperta.
Paseniñamente, recuperamos a normalidade, deixamos de usar as máscaras, de manter a distancia de seguridade, de lavar as mans con xel hidroalcohólico. Recuperamos a proximidade, as viaxes e máis ca nunca, as ganas de desfrutar.
Desta experiencia quedámonos co reparto a domicilio, co teletraballo, coa solidariedade e a empatía que demostramos, coas citas telefónicas e coa importancia da saúde mental, mentras que as imaxes das rúas baleiras con tractores fumigándoas, dos supermercados sen papel hixiénico, das tristes cifras de persoas que non conseguían superar a enfermidade e que cada día abrían os informativos e dos grandes centros de vacinación quedarán para sempre na nosa memoria e falarémoslle delas ás seguintes xeracións.


Deixar un comentario