A publicación no DOG da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable para a instalación de Altri en Palas de Rei levou a diferentes asociacións que están en contra da súa instalación polas consecuencias medioambientais e económicas que pode ter a convocar concentracións urxentes en diferentes do curso do Ulla.
A Ulla Viva convocouna para este domingo ás 12.00h na ponte de Pontevea, entre os concellos da Estrada e de Teo. Aseguran que “non imos tolerar que o goberno do PP da Xunta de Galiza nos siga a asoballar co seu abuso de poder e hipocrisía”.
Ademais, este sábado ás 16.30h realizarán un acto simbólico no Pico Sacro e o sábado 22 haberá na Pobra do Caramiñal unha manifestación contra a celulosa de Altri e a mina de Touro.
Apoio do BNG
Desde o BNG da Estrada consideraron unha “traizón do PP ao pobo galego” a DIA favorable, polo que animaron aos estradenses a participar na convocatoria urxente da plataforma A Ulla Viva. “Non podemos consentir a instalación da pasteira, que afectará negativamente ao río Ulla, arteria vital do noso concello”, comentaron.
Imaxe de portada: Recreación da fábrica de Altri // Greenfiber


Deixar un comentario