O grupo estradense Os John Deeres vai presentar este sábado ás 20.30h no Teatro Principal O círculo das formigas, o seu último disco. Un traballo que presenta unha evolución respecto aos anteriores e no que mesturaron o hard rock co sinfónico con achegamentos ao progresivo.
Desde a banda explican que é un disco conceptual que case se podería desfrutar como dous traballos diferentes: “Pulso” e “Inercia”, as partes nas que está dividido. As guitarras e as claves do hard rock continúan a ser as protagonistas, aínda que se engaden sintetizadores que aportan un toque sinfónico e lírico. Ademais, é o primeiro disco que compoñen coa vocalista Vanessa García.
En canto ao título, comentan que se inspiraron nas formigas guerreiras que, no momento no que unha delas se perde, ela e as que van detrás comezan a dar voltas formando unha espiral ata morrer. “Recordounos ao modo de vida actual, que nos leva nunha espiral de traballo e consumo acrítico da que é moi difícil saír”, explicaron sobre o título dun disco que trata do “illamento da multitude, da perda de
identidade”.
A entrada para o concerto custa 5 euros e recolleráse no departamento de Cultura. Os espectadores contarán con videocreacións en directo de Miriam Rodríguez, tamén creadora dos videoclips do disco.
Imaxe de portada: Os John Deeres // cedida


Deixar un comentario