López Bueno pide que tamén se solucionen os problemas que ten o polígono de Toedo

López Bueno pide que tamén se solucionen os problemas que ten o polígono de Toedo

Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, valorou positivamente a reunión que mantivo o Concello con Xestur sobre a ampliación do polígono de Toedo porque “convén dar pasos cara a ampliación do Polígono de Toedo” aínda que non ve realistas os prazos que prevén o inicio das obras en 2026.

O socialista pediu “seriedade e cautela” á hora de fixar prazos porque “o Goberno debe ser crible diante das empresas locais e das que estean interesadas en investir na Estrada”. Ademais, ve decisivos os prezos das parcelas:

“Agora mesmo Xestur está propoñendo prezos inasumibles, no entorno dos 100 euros/metro cadrado. Con eses prezos non haberá ningún interesado en adquirir terreos”

Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada

Engadiu que se deben mellorar os servizos ás empresas xa instaladas como, por exemplo, os problemas de electricidade na parte privada. Para iso propuxo que se siga o modelo de Valga, “onde Extrugasa, Concello e Xunta teñen en construción unha subestación eléctrica de 6620Kv con máis dun millón de euros de investimento”.

Tamén ve necesario a construción dunha saída cara Pontevedra e Vigo pola que poidan circular vehículos de gran tonelaxe coma os “conxuntos euromodulares” que poden chegar a 72 toneladas de peso e 32 metros de longo “que xa circulan nos polos industriais porque é o futuro”.

Comentarios

Deixar un comentario