Louzao e Cachafeiro abordan a humanización de Pérez Viondi

Louzao e Cachafeiro abordan a humanización de Pérez Viondi

Gonzalo Louzao trasladouse este xoves ata as dependencias da Deputación de Pontevedra para abordar coa nova responsable de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, as obras que ten previsto realizar o organismo provincial no concello. Concretamente, falaron da humanización de Pérez Viondi, da variante da Estrada a Vinseiro e da senda peonil desde o Alto da Cruz ata Matalobos.

Sobre a humanización do tramo da rúa Pérez Viondi que pertence á Deputación lembraron que se trata dun treito de 300 metros comprendido entre o cruce coa Estrada de Ouzande e o cruce coa Avenida Benito Vigo. Aínda que se asfaltou recentemente, as obras pasarían pola ampliación do tramo destinado ao tránsito peonil, zona moi empregada na entrada e saída dos alumnos do CEIP Pérez Viondi. Ademais, colocaríase mobiliario urbano, zonas verdes e instalaríanse novas luminarias.

Aproveitaríase para actuar na praza situada diante do centro educativo, retirando a zona destinada ao aparcamento e cubríndoa para que os rapaces e rapazas poidan agardar os días de chuvia.

Sobre a EP-7016, a Estrada de Vinseiro, comentaron que o ancho da vía no seu tramo inicial é estreito e con curvas pronunciadas. O proxecto da variante permitiría conectala coa N-640 á altura da rotonda das Colonias cun trazado lineal de 7 metros de ancho fronte aos 4,5 actuais.  “Este é un tema prioritario porque é unha cuestión de seguridade. Poder saír con visibilidade cara rotonda é clave para que esta conexión sexa segura”, sinalou o alcalde estradense. O Concello será quen teña que asumir as expropiacións.

Por último, trataron os avances na construción dunha senda peonil na EP-7004 entre o Alto da Cruz e a igrexa de Matalobos. Terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros e faráse na marxe dereita. Na marxe esquerda faráse un formigonado con recollida de pluviais diante das casas.


Imaxe de portada: reunión de Louzao con Cachafeiro // cedida

Comentarios

Deixar un comentario