O que podía saír mal, saíu mal. Este é o resumo da dantesca situación que leva vivindo o Concello desde decembro coas luminarias do rural.
En decembro, unha tormenta estragaba 280 puntos de luz e, tal e como adiantou O Xornal da Estrada en xaneiro, ao Concello faltáballe o material suficiente para poder reparalas todas. E é que contaban con reposto para 150 luminarias e á empresa encargada de arranxar o material estragado leváballe tempo facelo. Por se iso fora insuficiente, a finais de xaneiro outra tormenta deixou outros 120 farois estropeados, polo que se agravou a situación.
Óscar Durán explicou que “o cambio é rápido pero a reparación é lenta na fábrica” e é que os equipos estragados lévanse á fábrica para poder arranxalos e indicou que nestas situacións os electricistas saen con todo o stock (fusible, cabeza e transformador), pero que neste caso non foi suficiente polo elevado número de luminarias estragadas.
Este venres chegou máis material, que se empregará para arranxar o medio cento de puntos de luz que continúan pendentes de arranxo, algo que quedará solucionado “nunha semana ou dez días”.
Como xa mencionamos ao incio do artigo, todo o que puido saír mal, saíu mal. E é que un dos camións lixeiros empregados polos electricistas avariouse. Por iso, o Concello está preparando os pregos para a adquisición dun novo camión e para a contratación doutro electricista, de forma que o servizo poida quedar reforzado.
Ademais, o Concello tamén se puxo en contacto coa empresa que fabrica as luminarias. Técnicos da compañía visitaron o concello e avanzaron que farán un estudo de sensibilidade para evitar que sufran desperfectos con tanta facilidade por mor das descargas eléctricas.
Imaxe de portada: reparación de luminaria no rural // cedida


Deixar un comentario