Por onde pasa a alternativa? 

Por onde pasa a alternativa? 

Luis López Bueno. Voceiro do PSdeG-PSOE da Estrada

Estou convencido de que A Estrada podería ser un concello de referencia a nivel galego. María del Pilar Ávila (Gobernadora de Baixa California) díxolle a Pepe Mújica que os soños hai que pelexalos para que sexan menos soños e máis realidade. Pois nós andamos niso, pelexando para que A Estrada estea no mapa das cousas importantes. 

Nunca paramos de facer propostas para conseguilo, aínda que acotío atopen coa negativa do goberno municipal. Os eixos sempre estiveron claros: industria, traballo, política social, servizos e vivenda. Sen iso será imposible medrar.

A ninguén lle escapa que na Estrada temos un problema moi serio coa industria. Non hai investimentos de fóra, non hai metros de solo industrial con servizos e a nosa industria está obrigada a deslocalizarse por ese lastre na competitividade. Bastante fan mantendo o que teñen aquí.

Puxemos sobre a mesa a ampliación do polígono industrial hai moitos anos e agora parece que vai adiante, pero cómpre non desatender a zona industrial que temos. A saída Pontevedra-Vigo e o abastecemento eléctrico son as melloras máis necesarias e ímolo seguir defendendo onde sexa necesario. 

Atravesamos unha crise demográfica sen precedentes no noso concello. A xente vive onde come e por iso toca crear emprego atendendo as necesidades das empresas. Temos que marcarnos o obxectivo de ter pleno emprego só coa nosa industria, sen que os nosos traballadores e traballadoras teñan que ir a Santiago, Padrón, Vigo ou Pontevedra.

Ademais necesitamos mellorar a conciliación familiar e atender as necesidades da xente maior. Recuperar o centro de saúde antigo é a primeira pedra duns Servizos Sociais modernos. Ampliar horarios e prazas dos programas actuais, mellores prezos e novos servizos como o Punto de Encontro Familiar, axuda á mobilidade, saúde mental… Todo iso é posible nese edificio que Gonzalo deixou fóra dos Fondos Europeos. 

Queremos centros de día nas parroquias con actividades para nenos e maiores. Ademais de permitir a conciliación no rural é unha forma excelente de facer parroquia. Que novos e maiores compartan experiencias é bo para todos, non credes?

Nas parroquias vívese dun xeito especial e sabémolo, agora ben, hoxe non se pode vivir sen internet, sen pistas arranxadas e sen bos servizos municipais (voluminosos, lixo, auga…). Por desgraza non estamos nunha boa situación. Tirar fibra cos fondos europeos sería poñer ao rural na liña de Europa, facer parroquias competitivas dende os servizos públicos. Nos últimos 20 anos as parroquias perderon 72 veciños e veciñas de media e se iso se mantén, quen vivirá nelas dentro doutros 20? 

A solución é facelas máis atractivas. Na nosa situación xeográfica somos unha excelente opción para vivir pero non a calquera prezo. Sen bos servizos públicos non imos ser capaces, por iso hai que poñer máis recursos en melloralos cortando gastos inútiles como un xefe de propaganda, por poñer un só exemplo. 

A crise habitacional que padecemos na Estrada dase o paradoxo de que os prezos do aluguer aumentan e hai 3.991 vivendas baleiras. Iso pasa porque as familias non temos renda suficiente para comprar e rehabilitar, é a realidade. Aquí entronca todo: se traballo fóra e gasto 200-400 euros/mes en transporte, non os teño para pagar a hipoteca. Parece obvio pero hai un goberno que non o ve así. 

Crear un programa municipal para recuperar vivenda nas parroquias e poñela en aluguer sería todo un éxito, e dígoo porque o sei de primeira man. Hai milleiros de veciños e veciñas, de aquí e de fóra, interesados en vivir no rural. 

Fronte á política do “photocall” na alameda hai un proxecto ben pensado preparado para despegar. JF Kennedy xa falou disto: “O cambio é lei de vida. Os que miran ao pasado ou ao presente, seguramente se perderán o futuro”. Pois iso.

Comentarios

Deixar un comentario