Comeza o levantamento de actas previas á expropiación das parcelas afectadas polo novo treito da AG-59

Comeza o levantamento de actas previas á expropiación das parcelas afectadas polo novo treito da AG-59

Este luns comezou o levantamento de actas previas á expropiación de 217 parcelas para a construción do segundo treito da AG-59, que levará a infraestrutura ata O Rollo (Santa Cristina de Vea). En total son 180 os propietarios citados.

Esta mañá o alcalde Gonzalo Louzao desprazouse ata o Teatro Principal para coñecer de primeira man as labores que se están levando a cabo. Os afectados citados serán atendidos ata o xoves desde as 9.00 ata as 14.00 e desde as 16.00 ata as 18.00h no teatro, a excepción da última xornada na que só se atenderá pola mañá.

Nesta fase procédese á identificación da propiedade e dos seus donos e infórmase aos afectados do alcance da actuación, pero non se establece un prezo. Amais, son informados de como poden formular posibles alegacións e resólvenselle as dúbidas que teña. A acta definitiva, que estará lista en agosto, si que contará cos prezos dos terreos.

Amalia Goldar, edil de Urbanismo, tamén se trasladou ata o Principal para asinar como representante do concello no que se produce a expropiación. O alcalde puido conversar con algunha das 44 persoas citadas na xornada de hoxe.


Imaxe de portada: visita de Louzao ao Teatro Principal // cedida

Comentarios

Deixar un comentario