Rubén Rosende, director e fundador do Xornal da Estrada, será distinguido como Xove Promesa en Comunicación nos I Premios Rebumbio. Este premio entrégao directamente Actual Comunicación, empresa organizadora dos galardóns e así o fixeron saber na mañá deste luns no Salta da Cama de Radio Estrada.
A categoría quere premiar a aqueles mozos e mozas que destaquen no mundo da comunicación, xa sexa “pola súa creatividade, innovación, impacto ou talento en proxectos locais”. No caso de Rosende destacaron o “compromiso, constancia e orixinalidade do premiado no seu impulso e mantemento dun novo medio de comunicación local e na difusión da actualidade estradense en medios dixitais”.
Na mesma gala na que recibirá o galardón daránse a coñecer os gañadores das categorías principais: mellor uso do galego en redes sociais (Rafa Carbia Pescados e Mariscos, Casal de Creación ou A banda da Loba), mellor iniciativa local en redes sociais (Sinfancialactante, A Estrada Dixital ou Pastelería Mimela), mellor difusión da vida estradense (As Nosas Músicas, Pablo García ‘Chichas’ ou Rosa de Cabanas), mellor difusión de negocio local en redes sociais (Mi Vestidor Azul, Pintaletras ou Argentinos Burguer) e mellor uso do humor como recurso comunicativo (Flavia Horta da Casa, unvalonocastroloureiro ou Iris Gestoso).
Neste caso foron seleccionados polo xurado profesional, que estaba formado polos estradenses Laura Alonso, Xefa de Planificación de medios dixitais e offline en Avante Evolución de Medios; Fran Brea, redactor de La Voz de Galicia no Barbanza e Kike Vázquez, técnico de Cultura do Concello da Estrada. A entrega terá lugar o sábado 29 ás 13.30h no MOME.
Todo o equipo do Xornal da Estrada quere congratular a Rubén Rosende e desexar a mellor das sortes aos nominados, pois todos merecen ser gañadores grazas ao traballo inigualable que realizan.
Xornada adicada á comunicación
Ademais, con motivo do décimo aniversario de Actual Comunicación, desde as 9.30h celebraráse no MOME unha xornada adicada á comunicación na que participarán profesionais de toda Galicia que abordarán a evolución da comunicación, o impacto das redes sociais, o emprendemento no eido local e o futuro da comunicación e as redes sociais.
Imaxe de portada: Rubén Rosende nun Xornal Semanal // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario