Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada
Na Estrada cambiou o alcalde, pero non mudan as políticas. No canto de priorizar aquelas cuestións que mellorarían a vida dos veciños e veciñas, o novo alcalde segue instalado nas políticas para a galería e o caciqueo de toda a vida.
No concello da Estrada hai máis de 30 persoas dependentes, 30 familias que agardan desde hai meses polo SAF, servizo de axuda no fogar, para atender os seus seres queridos e facer máis levadeiro o día a día. Sen embargo, a prioridade do goberno municipal do PP é gastar máis de 140.000 euros en axardinar diversas zonas da vila, incluíndo un letreiro de grandes dimensións coa palabra A Estrada, con luces led para que o alcalde poida sacar as fotos que tanto lle gustan.
O 80% das parroquias do noso concello non teñen saneamento e alí onde onde hai non só falla, senón que cada poucos meses o goberno recibe multas de Augas de Galicia polos vertidos do saneamento municipal aos nosos ríos, especialmente ao Liñares. Mais ao PP iso dálle igual, as multas pagámolas entre todas e todos. Sen embargo, no canto de investir en mellorar este servizo esencial en todo o concello e estendelo a todas as parroquias, o goberno municipal do PP gastou máis de 3.300.000 euros nunha alameda de formigón branco cegador e onde escasea a sombra nos días de estío.
Proximamente o goberno do PP tamén gastará 1.200.000 na reforma da Praza da Farola, un gasto innecesario nun espazo que se reformou hai menos de 20 anos. E mentres tanto, hai rúas na vila que desde hai décadas non viron de preto unha brigada de obra pagada con fondos do concello.
O noso alcalde presume de “smart city” alá por onde vai, mais as pantallas dos aparcadoiros, que custaron máis de 161.000 euros, algunhas das cales xa non funcionan (a do concello e a da Praza da Feira) non acertan nin cando están visiblemente baleiros os aparcadoiros. Tamén poderíamos mencionar os baños “intelixentes” da Alameda (70.000 euros), mais o verdadeiramente intelixente é non utilizalos.
E dentro deste repaso rápido das chapuzas e mal gasto do PP no noso concello non podería deixar pasar a Praza de Abastos ou novo mercado. O arranxo, que data de hai 10 anos, custou 1.300.000 euros. Ás poucas semanas xa había desperfectos e cando chovía arreo a polivalente praza de abastos, que tanto acolle praceiras, como un espazo de “coworking” ou un pequeno centro de día, aparecía convertido nunha piscina. A día de hoxe é un páramo baleiro pola falta de apoio do goberno municipal á venda de produto fresco do noso concello para maior gloria das grandes superficies comerciais.
Así é, grosso modo, a “smart city” da propaganda do PP; unha propaganda que non admite o máis mínimo contraste coa realidade, porque, a pesar dos fondos públicos gastados nos últimos anos en cacharrada inútil, o noso concello carece do máis básico, atender aos veciños e veciñas que máis o necesitan, solo público industrial para xerar emprego, políticas de fomento do consumo do produto local e no comercio local, vivenda pública e asequible, etc, que eviten que o noso concello continúe perdendo habitantes que é o que acontecerá con gobernos que fan políticas para a galería, non para atender as necesidades máis apremiantes e necesarias dos veciños e veciñas.



Deixar un comentario