Rubén Rosende, O Xornal da Estrada
Escribo isto no momento no que a miña cabeza empeza a ser consciente do que pasou e no que empeza a pensar con claridade – aínda que leva sabendo que ía pasar iso algo máis dunha semana. Unha semana na que non firmei ningunha noticia sobre este tema co meu nome para separar a cobertura que se planificou no momento no que se anunciaron do lado máis persoal.
E é que este sábado recibín o Premio a Xove Promesa en Comunicacion que outorga Actual Comunicación “a aqueles mozos que destacasen no ámbito da comunicación, xa sexa pola súa creatividade, innovación, impacto ou talento en proxectos locais”. Un galardón que, aínda que para algúns estaba claro, eu non mo agardaba. Recollino tal e como comecei neste mundo, sen facer ruído.
Inesperado e silencioso, todo me remite a aqueles inicios. Porque este proxecto naceu de casualidade, porque un día un mestre contoume que un alumno seu ao que tamén lle gustaba o xornalismo creou un xornal, o Diario de Quiroga e que agora mesmo, comprobando se se chamaba así, acábome de enterar que pechou en setembro tras seis anos e medio de andadura. Seis anos e medio… chegaráse a tanto? Pasará o tempo tan rápido coma co primeiro ano?
Non sei se este artigo o lerá ese mestre, non sei se lle chegará, pero teño que dicirlle unha cousa: grazas. Grazas porque posiblemente se non me contaras esta historia hoxe non estaría pasando isto.
Tamén teño que mencionar, sen lugar a dúbidas, aos meus pais, que me apoiaron desde o primeiro momento e que cada dous por tres téñenme que facer de taxi porque teño que gravar non sei o que nalgún lugar.
Como non, grazas a aquelas persoas que me apoian continuamente, ata o punto de rematar formando parte deste proxecto – nunca lles preguntei se querían selo, pero aquí están.
E por suposto, grazas a vostedes por ler as noticias e ver os vídeos que publicamos, por facer que O Xornal da Estrada, a día de hoxe, continúe medrando, porque sen vostedes isto non sería posible.
Non me esquezo de Actual Comunicación, grazas a Silvia, Lorena, Laura e Tania por pensar en min para recibir este premio. Foi toda unha honra ser o primeiro – e agardo que non o último – en recoller este galardón. Parabéns por estes dez anos e, con iniciativas como esta, non vos desexo que sumedes outros dez anos, senón que os multipliquedes por dez.
Non quero rematar este artigo sen felicitar á Banda da Loba (mellor uso do galego en redes sociais), Pablo García (mellor difusión da vida estradense), A Estrada Dixital (mellor iniciativa local en redes sociais), Flavia A Horta da Casa (mellor uso do humor como recurso comunicativo) e Argentinos Burguer (mellor difusión de negocio local en redes sociais) polos seus respectivos premios.

Imaxe de portada: entrega do premio // cedida



Deixar un comentario