López Bueno: “Se no ano 2024 non fixeches absolutamente nada, o normal é que teñas remanente”

López Bueno: “Se no ano 2024 non fixeches absolutamente nada, o normal é que teñas remanente”

O PSOE fixo balance sobre os resultados das contas de 2024 celebrando que Alberto Blanco, concelleiro de Facenda, dera explicacións sobre elas pero botando “en falta as súas explicacións cando case nos leva á ruína polas súas malas decisións sobre a financiación das luminarias”.

O socialista asegurou que Blanco “maquillou” as cifras da Remanente porque “non dixo nada sobre os 1,5 millóns de euros en facturas sen pagar e que non se descontaron do remanente”.

“Se no ano 2024 non fixeches absolutamente nada, o normal é que teñas remanente”

Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada

Advertiu de que eses resultados conseguíronse incrementando os impostos e reducindo a inversión, chegando a recadación do IBI aos 3,5 millóns tras a suba realizada e reducíndose un 40% o custo das inversións – pasaron de 7,8 millóns en 2023 a 4,7 no 2024 – porque “Gonzalo Louzao non fixo absolutamente nada no ano que leva gobernando,logo é normal que teñas remanente se subiches impostos e non resolviches ningún dos problemas que enfronta o Concello”.

Lembrou que en 2024 “asfaltáronse 8 pistas con cargo ao orzamento do 2024, o alcalde que presumía de priorizar as parroquias só investiu nelas 250.000 euros”. Comentou que “o orzamento está para executalo e este goberno non ten termo medio, ou gasta o que non ten como xa aconteceu, ou pecha o grifo e deixa os cartos nos caixóns mentres se negan a resolverlle os problemas aos veciños e veciñas”.

Acusou aos populares de “problemas económicos nin de vontade política” para contratar a unha persoa por 43.000 euros anuais para enviar notas de prensa e imaxes aos medios, amais de xestionar as redes sociais do Concello.

En canto á débeda, púxoa en duda, pois “nesa conta non aparecen os 3 millóns de euros que lle deben aos traballadores” e “mentres non se pague, continuará incrementándose”. Recordou que “hai un ano o PP dicía que esa débeda non existía e lamentablemente tiveron que explicarllo no Tribunal Supremo”.

Comentarios

Deixar un comentario