Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, reclamoulle ao goberno que encabeza Gonzalo Louzao que cumpra as súas promesas de asfaltados nas parroquias tras o que define como un 2024 “negro” para as parroquias.
Comentou que nese ano “só se destinaron a asfaltados 250.000 euros que deron para asfaltar 8 pistas en todo o Concello”, cifra inferior aos “310.000 euros anuais. Está claro que a prioridade do PP é cobrar ben, non facer inversións no rural”.
Pediulle a Louzao que “manteña a promesa de invertir máis dun millón de euros anuais, que foi el quen o dixo”, sobre todo tendo en conta que as pistas do rural continúan deteriorándose.
Amais, considera que o mandatario rouboulle 800.000 euros ás parroquias, pois “destinará o Plan Extra da Deputación á humanización da Farola” cando, segundo o socialista, se podería ter incluído nos fondos europeos, para os que se solicitaron 10 dos 15 millóns que se podían pedir.
N-640
Considerou que Louzao debería “taparse un pouco” á hora de falar das labores que se están levando a cabo na N-640, pois o socialista tamén lle reclamou en reiteradas ocasións ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, o arranxo da vía, inclusive na reunión que mantivo a subdelegación co Concello. Ademais, engade, “cando Gonzalo ten a rede municipal como a ten e paralizou as inversións en asfaltado, quizais non é a persoa máis indicada para falar da conservación de carreteras”.
Imaxe de portada: pista rural // cedida

Deixar un comentario