Gonzalo Louzao foi entrevistado por alumnos do que foi o seu instituto
O que era un programa de Radio Líder Santiago tamén foi o reencontro de Gonzalo Louzao, actual alcalde da Estrada, con algúns dos seus mestres durante a súa época de estudante do IES Manuel García Barros.
Louzao repasou os seus anos nun centro no que recoñeceu ter sido moi feliz e no que os mestres gardan bos recordos del. Comentou que a súa materia preferida era Lingua Galega. “Pero aínda lembro con agarimo exercicios de Lingua Castelá, como a análise da frase Bocadillo de calamares caliente”, dixo diante da que foi a súa mestra desta asignatura, Mayte Leis.
Foi aquí, no García Barros, entre os anos 2006 e 2012 nos que medrou o interese de Louzao pola política. Anos nos que foi delegado de clase e presidente da Xunta de Delegados.

Despois chegou a súa etapa como estudante de Ciencias Políticas e da Administración na USC, que completou cun mestrado en Marketing e Comunicación Política.
Asegurou estar contento no cargo de alcalde, posto no que en pouco máis dunha semana fará un ano. Dado que o programa trataba sobre a importancia do uso do galego, comentou que el emprega esta lingua no seu día a día, tanto na vida persoal coma como alcalde e animou aos rapaces de 1º e 2º ESO presentes a falalo.
No mesmo programa no que tamén participou o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, recomendáronse libros e películas en galego, como puideron ser Uxa, A luz que non podes ver ou a elección de Louzao: A noite do Oso, premio Manuel García Barros.
Imaxe de portada: Foto de familia // cedida


Deixar un comentario